Os perpiaños reticulados

A igrexa de Santa Uxía de Eiras está ao lado do monte do Castro, un pequeno asentamento prerromano distante arredor dun quilómetro da Cidade de Lámbrica. A igrexa conserva entre as pedras dos seus muros algúns perpiaños curiosos con debuxos de reticulados. Na Gran Enciclopedia Galega (voz San Amaro) alúdese a elas como "sillares de gran tamaño con decoración de puntas de diamante", manifestando que tamén se recolleron cerámicas e tégulas romanas nas súas inmediacións.

Por tratarse de pezas singulares, ben puideron ser reutilizadas no edificio máis importante da parroquia, na propia igrexa do lugar, permitindo así a pervivencia a través dos séculos das pedras que xa deberon pertencer a un edificio sobranceiro de fai dous mil anos.

CALO LOURIDO fálanos dunha peza semellante, ombreira ou pilar, que apareceu enterrada en Nespereira (Pazos de Borbén, Pontevedra. Esta pedra "ten unha forma troncopiramidal con dúas caras contiguas totalmente ocupadas por unha decoración continua de rombos", engadindo que no lugar de aparición se pode "pensar nunha posible vila romana".

Máis próximos a Eiras, existen paralelismos coa mesma decoración en O Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última tamén está asentada sobre unha antiga vila romana. 

Semella que o Cristianismo non só se apropiou do poder relixioso, suplantando deuses e crenzas máis antigas, senón que tamén acadou o poder económico dos latifundistas baixorromanos ocupando as súas propiedades. Na reitoral de Anllo (San Amaro) existe outra pedra con decoración xeométrica distinta das anteriores, pero moi cercana á plástica castrexa, con eses entrelazadas. A súa situación nunha reitoral pode obedecer ao que acabamos de comentar: a procedencia das terras de moitas reitorais hai que procuralas no mundo económico latifundista anterior ao Cristianismo.

Ten, por elo, moita lóxica pensar que os arredores da igrexa de Eiras e do inmediato pazo dos Tizón foran o solar dunha villa romana. Non esquezamos que nesa parroquia foi onde apareceu o altar ou ara de Emilio Reburrino, que contén unha dedicatoria ó deus Bandua e alusións a un territorio ou cidade chamado Lámbrica.

Ademais, nas inmediacións da igrexa de Eiras, segundo RODRÍGUEZ COLMENERO:

"Fuentes fidedignas han hecho llegar hasta nosotros la noticia de que el señor Cura Párroco de Eiras había encontrado ocasionalmente un mosaico en su viña, que se apresuró a recubrir de nuevo, así como abundante cerámica romana. En un castro cercano existen señales de romanización. Además, en el atrio de la Iglesia aparecen grandes tégulas; y cerámica indígena en una viña próxima a la huerta del cura". 

                                                            (Galicia Meridional Romana 1977, páx. 155)

A pervivencia de elementos singulares reaproveitados, como son os perpiaños reticulados, en construcións posteriores e con visibilidade intencionada, fai pensar que proceden de edificios importantes para aquelas sociedades precristiáns.

Do castro de Eiras non quedan restos, aínda que existen rumores da aparición dalgunha figura antropomorfa en granito, en paradeiro descoñecido. Os impresionantes cerramentos das fincas dos pazos e da reitoral deberon reutilizar a totalidade das pedras das vivendas do asentamento, do que só nos queda o seu recordo no microtopónimo. O seu pequeno tamaño, a cercanía ao castro ou citania de San Cibrao das Las e a visibilidade directa do mesmo fan pensar nun pequeno poboado sometido á Cidade de Lámbrica.

Fonte: blogoteca.com/lambrica


Bibliografía

ARIZAGA CASTRO, A.; FÁBREGA ÁLVAREZ, P.;AYÁN VILA, X.; RODRÍGUEZ PAZ, A.: "A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia)" en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, 2006 (Na páxina 120 podemos ver un reticulado igual que o da igrexa de Eiras). 

CALO LOURIDO, F. A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. F. Pedro Barrié de la Maza. Tomo I, páx. 371. A Coruña, 1994.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. 1977. 


Fotografías dos perpiaños reticulados



© F. González Iglesias. Xaneiro - agosto de 2020. Dereitos reservados

¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar