As campás de Eiras

Os toques de campá tiñan un código que se conservou durante xeracións (o toque da unha ou mediodía, as carreiras para anunciar a morte dun veciño ou veciña -tres carreiras para as mulleres, dúas para os homes- os toques de defuntos, mentras non se enterraba o cadáver ou nos cabodanos, as muiñeiras festivas das vésperas e das procesións...). Todo iso perdeuse en menos de trinta anos. 

As "carreiras" eran para avisar da morte dalgún veciño. Consistían en toques seguidos: un na pequena, outro na grande, dous na pequena, un na grande... e así uns vinte ou trinta segundos. Iso era unha carreira, segundo se ve no seguinte debuxo. Cada debuxo de campá corresponde a unha badalada:

Entre carreira e carreira había unha pequena pausa, con algunha badalada. Se o morto era home, dábanse dúas carreiras. Se era difunta, dábanse tres. Durante o velorio tocábase seguido a morto, con badaladas moi lentas e moi pausadas no tempo, como quince ou vinte segundos entre cada badalada, salvo as dobres na pequena, que eran máis seguidas. Coa chegada do cadaleito á igrexa volvíanse a dar as carreiras, e coa saída cara o camposanto, outra vez máis.

Os toques de campás máis ledos eran nas festividades. Na véspera, á unha da tarde, dábase a hora (dicíanlle "as doce") con nove triples badaladas da campá grande. Á seguir, despois dunhas breves badaladas rápidas coa campá pequena, repenicábase a xeito de "muiñeira", con toques frouxiños pero rápidos, mostrados no seguinte debuxo, correspondendo a cada campá unha soa badalada: 


Despois de botar o fogo, voltábase a repenicar. Esa tarde xa era festa!

Os repeniques repetíanse antes das funcións relixiosas, no día da festa, e nas procesións, pero tamén nos días que duraba a "novena", antes da festividade. 

Contaban os vellos que antes había moita afección polos repiques, sobre todo entre a rapazada, habendo sempre na aldea xente que sabía facelo. Os rapaces aprendían con coios ou pedriñas contra calquer elemento metálico. Hoxe... o toque manual co código tradicional está en perigo de perderse.

Antigamente existían outras modalidades de repenique, mesmo para espantar as tormentas, para chamar a incendio, para a morte de anxeliños...

O toque manual de campás xunto cos seus códigos seculares considérase actualmente patrimonio inmaterial a protexer.