Entre o Miño e O Carballiño

"Nas rúas plantábanse vides, que logo se cruzaban por enriba e facían como un teito. Era moi bonito e daba sombra e uvas. Alí a propiedade é moi respectada e de fronte á túa casa non había quen cortase un acio". 

(EMILIO COMAS PARET: Da vendima á zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba)

Cunha orografía que Otero Pedrayo denominaba como "de bocarribeira", é dicir, nin de montaña nin de ribeira, baixando con suaves e onduladas caídas cara o Ribeiro de Laias, Razamonde e Xubín, a feligresía de Santa Uxía de Eiras conserva unha antiga igrexa parroquial feita co decorrer dos tempos e na que se adiviñan raiceiras nas máis profundas épocas precristiáns, como testemuñan os perpiaños reticulados reaproveitados nos seus muros, ou os restos de mosaico romano e de tegulae (tellas), tamén romanas, que se atoparon nas súas inmediacións.

Sábese que antes do cristianismo existía o culto a Bandua por estas terras, divinidade misteriosa que foi esquecida trala romanización. Da época romana tamén existe constancia do culto a Xúpiter na contorna, que sabemos pola inscrición dunha rocha na citania de Lámbrica e por unha ara adicada a este deus que se conserva na igrexa de Trasariz. 

Despois da chegada do cristianismo todo cambiou, artellándose a división territorial en parroquias e erguéndose os correspondentes edificios de culto para cada comunidade.

A mediados da década dos cincuenta, CHAMOSO LAMAS escribe que en: 

"(...) dirección Oeste se alcanza el pueblo y parroquia de Eiras, en el atrio de cuya iglesia descubrimos en 1946 grandes "tégulas" romanas recogidas allí mismo por el sacristán, que desconocía su importancia; y en el huerto y viña de la casa rectoral, contigua a la iglesia, hallamos los trozos cerámicos de vasijas de tipo indígena, ya romanizado, que más bella y original decoración presentan de cuantos conocemos en Galicia.

Poco más adelante, entre los restos profanados de una "mámoa", recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense".

("Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las..." en N. A. H.  III-IV, 1954-1955, páx. 114).

Por outra parte, sabemos por RODRÍGUEZ COLMENERO que

"Fuentes fidedignas han hecho llegar hasta nosotros la noticia de que el señor cura párroco de Eiras había encontrado ocasionalmente un mosaico en su viña, que se apresuró a recubrir de nuevo, así como abundante cerámica romana (...)"

(Galicia Meridional Romana. Páx. 155. Universidade de Deusto, 1977). 

A igrexa de Eiras non foi o único edificio relixioso da parroquia, pero case todos foron desaparecendo: San Cosme e Damián na Ermida, da que xa non hai recordo, ou as capelas dos pazos de Sabariz e da Casa Grande son exemplos de patrimonio relixioso da feligresía que xa non existe. 

Tense constancia de que a igrexa de Eiras, popularmente, era "de carneiro", posiblemente pola existencia deste elemento construtivo que se situaba nos cumios dos tellados soportando unha cruz antefixa. Algún veciño xa falecido contaba que tiña visto, non sei se o carneiro ou a cruz, nalgún lugar do adro. 

Elo fai pensar nunha antiga construción románica anterior a actual fábrica da igrexa. Polo muro norte aínda son visibles no paramento algúns dos distintos "engadidos" que sufriu o edificio dende a súa primeira construción.

En "Apuntes para el inventario del mobiliario litúrgico de la diócesis de Orense" dise que a actual igrexa parroquial foi construída entre 1660 e 1740, pero, tendo en conta o que se dirá despois, estas datas deben ser revisadas. 

O actual edificio da igrexa de Eiras é de construción sinxela, con planta lonxitudinal e nave única. Na fachada ou frontispicio occidental presenta unha porta adintelada de dúas follas, á que se sobrepón un arco de medio punto, a xeito de arco de descarga. 

As portas, de grosas táboas de castiñeiro, seica foron fabricadas en Laias. Posúen unha chave de ferro de bo tamaño. 

Por enriba do arco da porta, unha fiestra vertical rectangular, no centro, dá luz á nave interior. 

Coroa a fachada unha espadana de dous corpos e tres vans (dous vans no corpo inferior), na que se colocaron as campás, a maior e a pequena.

Cando unha persoa se sitúa no campanario, dándolle a espalda ao presbiterio, quédalle a campá pequena á man dereita e a maior á man esquerda.

A espadana foi o derradeiro elemento arquitectónico que se superpuxo á fábrica, posiblemente substituíndo a outra anterior. Parece obra do século XIX. 

A campá maior ten data de 1899 e a campá menor ou pequena ten a data de 1889. A data de construción da espadana debe estar na inscrición ilexible que hai enriba da ventá da fachada principal.

O presbiterio sobresae en altura por riba do teito da nave, pero tamén en planta. O presbiterio ou coro, como lle chaman popularmente, está comunicado coa nave por un airoso arco triunfal. Ao exterior, o coro ten tellado a catro augas, cunha enorme pedra semiesférica no cumio, onde en tempos debeu erguerse unha cruz de ferro que nos anos oitenta estaba gardada no soto, un cuarto debaixo do piso da sancristía.

Polo interior, o cume do presbiterio está decorado e presenta pintadas, no mesmo teito de madeira de castiñeiro, catro grandes inscricións:

ESSE / CUM JESU / PARADISUS / DULCIS EST


De novo polo exterior, a igrexa de Eiras presenta cara ao sur dous edículos engadidos, con menor altura, que acollen, respectivamente, a sancristía (anexa ao presbiterio) e unha antiga capela da Visitación, transformada no século XX na da Virxe de Fátima, anexa aos pés da nave. Entre ambos edículos, ábrese no muro sur a porta pequena da nave.

No interior do templo destaca o retablo maior, obra de Francisco de Castro Canseco, erguido en 1704 con madeiras de castiñeiro e nogueira. Foi tallado en Ourense e transportado a Eiras nunha ringleira de carros. 

Ten dous corpos (tamén pode definirse como de un corpo e un ático) e tres rúas verticais. 

No corpo superior, ou ático, estaba a imaxe de Santa Uxía, posiblemente obra do autor do retablo. A talla de Santa Uxía ten a singularidade de que o seu canon é lixeiramente alongado para que pareza máis proporcionada cando se mira dende o chan, por iso a colocación no ático é a máis axeitada, sendo a decidida na disposición orixinal do retablo. 

A imaxe de San Xosé estaba no corpo inferior e na rúa do Evanxeo, á esquerda do espectador. A imaxe de San Xoán Bautista estaba á dereita, na rúa da Epístola,  manténdose aínda hoxe no seu lugar orixinal. Atribúense a Castro Canseco, pero poderían ser anteriores, do século XVII, reaproveitadas no retablo de 1704.

O retablo recibe luz natural dunha ventá rectangular vertical, situada a rentes e á dereita do espectador. Polo lado norte non ten ningún tipo de iluminación do exterior. A claridade da dereita contribúe a resaltar as formas ampulosas e barrocas do monumento e das imaxes, dándolle así máis vistosidade.

Cando se realizaron as fotografías en 1995 aínda se conservaba nun armario da sancristía a porta do Sagrario orixinal, cun relevo de Xesucristo. Descoñécese o paradeiro desta pequena obra de arte.

Na nave da igrexa, nos muros laterais e antes da entrada no presbiterio, hai dous pequenos retablos barrocos enfrontados, de carácter máis popular na súa factura, pero tamén na devoción, pois albergan aos santos máis coñecidos e queridos polas nosas xentes: San Roque, San Antón de Padua, Santa Lucía, San Bertolameu... En vez de columnas presentan estípites separando as rúas. 

A capela da Visitación, ou da Purificación (?), foi edificada por Bartolomé Vázquez de Sabariz, xunto coa súa dona Catalina e os seus herdeiros, segundo pode lerse na inscrición que se atopa no muro occidental exterior. Un arco de medio punto debeu acoller a un antigo retablo que xa non se conserva. Alí, cando se reformou no século XX, adicouse ao culto á Virxe de Fátima. Nesa mesma capela tamén estivo a pía bautismal, trasladada ao altar maior nas desafortunadas reformas que se fixeron entre os anos 1999 e 2001.

Bartolomé Vázquez de Sabariz finou en 1628. Temos que supoñer, entón, que a capela foi edificada entre finais do século XVI e principios do XVII. 

Tendo en conta que a capela é un engadido á nave da igrexa, esta nave xa tiña que existir no século XVI. Por iso as datas das primeiras construcións da igrexa de Eiras deben ser moi anteriores ás que se manexan habitualmente (1660-1740). Ademais, debemos ter en conta que é un edificio que non se fixo completo dunha soa vez. As diferenzas na disposición do paramento dos muros poden dar fe das distintas fases da construción e incluso é posible que os alicerces procedan dun edificio de época romana.

En 1984 en "Apuntes..." aparecen as seguintes obras pertencentes á igrexa de Eiras:

"ESCULTURAS: Retablo mayor (1704, Castro Canseco), con tallas de Santa Eugenia, San José y San Juan (1704, Castro Canseco). Virgen del Carmen, San Bartolomé, Santa Lucía, San Roque, San Antonio, San Antonio Grande, San Francisco Javier, ángeles candelabros."

"ORFEBRERÍA:  Cruz parroquial (XIX, RAÑOI, Orense, de plata). Incensario, naveta y cáliz del siglo XVIII, también de plata. Crismeras. Dos cálices de plata (RAÑOI, 1804)."

Bótanse en falta a porta do Sagrario (sería do século XVIII, relevo en madeira), a dos petos de Ánimas e de San Bertolameu, a do mobiliario da sancristía, con enormes caixóns de castaño, e a fonte de pedra barroca nesta mesma estancia, que ten desaugue ao exterior.

A cruz parroquial de Rañoi, feita a finais do século XIX en prata, era a que presidía todas as procesións da parroquia. Sobre unha base cilíndrica na que se representaban os apóstolos en prata dourada erguíase unha cruz de brazos iguais. Na parte anterior levaba ao Crucificado, representando tras del ao Sol e á Lúa. Nos extremos, ían os Evanxelistas. Na parte posterior había unha imaxe de Santa Uxía, coa palma de mártir. Seica a custodian as autoridades eclesiásticas provinciais e parece seguro que non voltará pra Eiras.


Bibliografía

CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)", en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV, Cuadernos 1-3, 1954-1955. Ministerio de Educación Nacional. Madrid, 1956.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidade de Deusto. Bilbao, 1977.

FERNÁNDEZ OTERO, J. C.; GONZÁLEZ GARCÍA M.A. e GONZÁLEZ PAZ, J.: Apuntes para el inventario del mobiliario litúrgico de la diócesis de Orense. Fundación P. Barrié de la Maza. Vigo, 1984.


Haxiografía de Santa Uxía

De Santa Uxía de Alexandría contan que era filla dun senador romano. Seica viviu no século III e dise que entrou disfrazada de home nun mosteiro no que chegaría a ser abade. Unha muller enferma namorouse dela pero, despeitada polo rexeitamento da santa, acusou ao "abade" de violación. Descuberto o engano, o xuíz, que era o propio pai de Uxía, convértese ao cristianismo. 

Xa en Roma, Uxía sufrirá a tan repetida restra de tormentos que acompaña a multitude de mártires (tirárona ao Tíber cunha pedra ao pescozo, pero aboiaba; intentaron queimala, pero as chamas non a consumen...). Non finará ata ser degolada coa espada dun verdugo.

Na arte, a santa represéntase habitualmente cunha túnica e un manto, por ser virxe. Como atributos persoais ten unha espada, o instrumento do martirio, unha palma, símbolo dos mártires, e un libro, aludindo posiblemente á súa laboura proselitista.

A súa festividade celebrábase o 25 de decembro.


Bibliografía

FERRO RUIBAL X. (Dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo. Vigo. 1992.




© F. González Iglesias. Xaneiro - agosto de 2020. Dereitos reservados