A batalla de Rande

A batalla de Rande desenvolveuse no estreito do mesmo nome e na enseada de San Simón, na ría de Vigo, en outubro de 1702. Os anglo-holandeses enfrontáronse aos hispano-franceses no contexto da guerra de Sucesión española, na que se dirimía o acceso á vacante do trono deixada pola morte de Carlos II, o Enfeitizado

O resultado da guerra de Sucesión levará á firma dos tratados de Utrecht e Rastadt en 1713 e 1714, respectivamente. A partir de aquí xa non haberá competencia aos Borbóns para ostentar o título de reis de España, sendo o primeiro Filipe V, neto de Louis XIV de Francia, o Rei Sol.

En 1702, a Frota de Indias procedente da Habana dirixíase cun importante cargamento a Cádiz, pero foi informada de que unha poderosa escuadra anglo-holandesa os agardaba no cabo de San Vicente. Deciden desviarse cara a ría de Vigo para buscar refuxio. Descargan mercadorías en carros e obstrúen como poden o paso de Rande con todo tipo de obstáculos. 

O 2 de outubro os ingleses descubren os feitos e dirixen a súa escuadra cara a ría de Vigo, na que entran cara o día 20. Do que alí pasou infórmanos, curiosamente, o abade de Santa Uxía de Eiras, don Domingo Colleda La Fuente, que escribe nos libros parroquiais o seguinte texto :

"En veinte de octubre del año de mil seteztos. y dos días domingo alas doze del día entró en la playa de Vigo Una armada formidable de Ingleses, y Olandeses hasta duzientos bajeles, y ancoraron mas arriba enfrente el Castille de Ranyte. El día lunes inmediato alas seis de la mañana saltaron en tierra, y desprendieron una cadena o ¿regaro heido? de vigas y arboles e navíos que, atrabesaba la ría que mira a Redondela y ganaron assi mismo dho castillo con muerte de algunos franceses, que estaban enel de guarnición. Hechas estas diligencias trabaron batalla naval con veinte y tres navios de guerra franceses que estaban al abrigo dela dha ria con otros diezinueve de carga enque avía venido la flota de Nueba España, y ellos la avían emboyado. Peleose valerosamente hasta que oprimidos dela multitud de enemigos y los franceses nuestros aliados dieron fuego atodos sus bageles, y lo mismo se fixo a los de la flota que aun estaban cargados dela hazienda que avian traydo (menos el tesoro el que ya se avia trasportado a Lugo en mil y quinientos carros) perdiendose muchos millones assi en la mar, como en Redondela que entraron a saco los enemigos, y profanaron como herejes la iglesia y convento de aquella villa, que ya estava desamparado de las Religiosas, Lebanto velas la armada el dia seis de noviembre. Dios Nuestro Señor sea bendito, y nos de Paz. Amén." 

(Transcrición de J. RICARDO RODRÍGUEZ PÉREZ, "sic con interrogantes e dúbidas")

Non deixa de ser chamativo que nunha aldea da Galiza interior se soupera con tanto detalle sobre os sucesos de Rande, cando aínda non existía o Faro de Vigo, e que o seu abade se molestara tanto en rexistralo nos libros parroquiais. RODRÍGUEZ PÉREZ fala da posible existencia de testemuñas presenciais, como a de dona Clara Tizón e Cea, monxa no convento da Purificación de Redondela, filla de Amaro Rodríguez de Cea e de María de Castro Tizón e Figueroa, dos Tizón de Eiras.

O retablo de Castro Canseco en Eiras foi construído só dous anos despois, en 1704. Haberá nel algún ouro do perdido en Rande?


Bibliografía

RODRÍGUEZ PÉREZ JOSÉ RICARDO: "Pazos do San Amaro. Liñaxes e labras heráldicas" en Ágora do Orcellón, número 26, pp. 92-93. Instituto de Estudios Carballiñeses. Vigo. Decembro de 2013.

AHDOU. Parroquia de Santa Uxía: 14.5.7. Libro de Visitas, Cartas Pastorales y Cuentas de Fábrica.


O retablo de Castro Canseco en Eiras

O retablo principal da igrexa de Eiras é obra de Francisco de Castro Canseco, un artista nado en Valderas (León) que traballou en Ourense e Tui. Na provincia de Ourense destacan o retablo da capela do Santísimo Cristo na catedral, o retablo maior do mosteiro de San Rosendo de Celanova e outros traballos na propia catedral e na igrexa de Santa Eufemia do Norte, coñecida tamén como de San Domingos ou Santo Domingo. Tamén foi autor dun espectacular retablo maior que había na igrexa de San Domingos de Ribadavia, retablo que actualmente xa non se conserva porque foi desmontado.

Bibliografía 

GARCÍA IGLESIAS, J. M.: "Francisco de Castro Canseco (Ca. 1655-1714), en la actividad artística de Galicia". Laboratorio de Arte: Revista del Departamento de Historia del Arte. ISSN 1130-5762. Nº 5, 1. 1992, pp. 241-263 (Descargar PDF).

O retablo de Eiras, do que nada fala GARCÍA IGLESIAS, consta de dous corpos e tres rúas (verticais), delimitadas por esveltas columnas salomónicas de cinco voltas cheas de vides e acios de uvas. A principios do século XXI o retablo foi "restaurado", aínda que a colocación dalgunhas imaxes non foi moi respectuosa coa disposición orixinal.

No corpo alto ou ático do retablo estaba a imaxe da patroa, Santa Uxía, cos atributos da espada e da palma do martirio. Esta escultura foi realizada expresamente para ser contemplada dende abaixo, alongando desproporcionadamente o seu canon, de modo semellante ao dos anxos que están nos extremos superiores do retablo. Arredor da  fornela da patroa existen representacións dos astros: Sol, Lúa e estrelas, unha delas con forma de cruz.

Nas fotografías, de 1995, vemos un San Xosé na súa ubicación primixenia, á esquerda do altar, mirando dende a nave, no lado do Evanxeo. O San Xosé é unha deliciosa escultura do mellor barroco galego que resume perfectamente as características da arte relixiosa da época: Un pai que mostra con agarimo ao seu Fillo, soportando o vento que lle move as vestiduras pola súa parte dereita, o vento que chega da parede norte do templo. A súa intención, posiblemente, sería inserir agarimo, paciencia e amor paternal nos fieis.

Esta imaxe estaba orixinalmente na parte esquerda do retablo, na zona do Evanxeo, colocada simetricamente ao San Xoán Bautista que está na parte dereita, tamén chamada da Epístola. Así un santo representa ao Antigo Testamento e outro ao Novo Testamento. Ambas imaxes, entre columnas salomónicas de cinco voltas inzadas de vides, flanqueaban a rúa ou parte vertical central do retablo, onde debeu existir un expositor do Santísimo. 

O sagrario deste retablo, na parte inferior, foi substituído a mediados do século XX polo que se pode ver hoxe, pois no antigo seica entraban os ratos. O sagrario orixinal tiña unha porta de madeira onde estaba esculpida en relevo a escea da Resurrección de Xesucristo, pertencente ao taller de Castro Canseco. Na década dos anos noventa do século pasado aínda podía verse gardada nun armario da sancristía. 

O retablo en xeral transmite movemento, inquietude, pero tamén calma e sosego. As súas abigarradas decoracións, os entrantes e saíntes do entablamento, as voltas das columnas, os claroscuros producidos polas variacións de luz natural e sombra ao longo do día e os pregados intensos das roupas -especialmente nas de San Xosé- mostran sensación de fugacidade e ímpeto, contrastando coas actitudes serenas e pausadas dos rostros das imaxes e dos anxos, que delatan o gozo da fe en Deus. En definitiva, transmisión de movemento e calma á vez, unha característica moi coñecida e repetida na estética barroca.

Fonte: blogoteca.com/lambrica

Retablo de Castro Canseco


As reformas realizadas entre os anos 1999 e 2000 non estiveron á altura do ben cultural que se debe preservar, coidar e protexer para as futuras xeracións. Por exemplo, o traslado da pía bautismal, o sollado no presbiterio, a substitución das antigas bancadas laterais baixo o altar maior, as pantallas acústicas (inútiles para un templo tan pequeno e inapropiadas para un ben cultural), a modificación da disposición das imaxes no retablo maior ou a eliminación do revoco na base das rúas laterais, que imitaba mármore, son actuacións desafortunadas que contribúen a estragar o legado artístico que nos deixaron os devanceiros. Estas lamentables reformas completaron ás realizadas no século XX para o pavimento da igrexa, subsituíndo as lousas de pedra por baldosa das cociñas. Para restaurar... hai que ter máis que cartos.

Falar tamén do patrimonio inmaterial do toque das campás, desvirtuado e modificado en Eiras ata extremos inusitados. Os toques de campá tiñan un código que se conservou durante xeracións e que agora se viu modificado.


© F. González Iglesias. Xaneiro de 2020. Dereitos reservados