A capela da Visitación

A capela da Visitación está anexa ao muro sur, ao inicio da nave da igrexa. 

Na fachada occidental ten un escudo oval con cruz flordelisada, espada e palma. Unha inscrición di que foi feita e dotada a costa de Bartolomé Vázquez de Sabariz, da súa dona Catalina Vázquez e dos seus herdeiros. Bartolomé Vázquez de Sabariz finou o día 13 de novembro de 1628. 

Ostentaba o cargo de "familiar" do Santo Oficio da Inquisición. Os familiares eran, xa dende a Idade Media, laicos ao servicio do famoso Tribunal, que lles outorgaba certos privilexios como a exención de impostos, o recoñecemento de limpeza de sangue ou a facultade para poder portar armas. 

Os familiares serviron para controlar á poboación rural, accedendo a estes postos cabaleiros que utilizaban o cargo para a ostentación propia e para o seu prestixio persoal. Podían denunciar, perseguir e deter a presuntos herexes, que serían logo xulgados polos tribunais provinciais. Outro privilexio, que os facía moi temidos, era que os acusados nunca podían coñecer o nome do familiar que os delatara. 


· E S T A  C A P I L L A  H I Z E-

RON Y DOTARON A SU COS-

TA BARTOLOMÉ VÁZQUEZ DE SABARIZ

FAMILIAR DEL SANTO OFICIO DE IN-

quisición y Catalina Vázquez, su mujer, y herederos. 

A entrada á capela da Visitación (chamada nalgúns lugares da Purificación) faise por un arco de medio punto no muro lateral sur da igrexa. Non ten acceso directo dende o exterior. 

Nesta capela atopábase a pía bautismal ata as reformas de finais do século XX. É posible que neste lugar se enterrasen os fidalgos de Sabariz. 

Un documento de 23 de decembro de 1660 obrigaba á celebración "de una Missa semanaria todos los biernes del año que se a de decir en esta Yglessia y no en otras, y capilla de la Vissitación". 

O tempo, verdadeiro xuíz e escribano, non perdoa e os anceios da familia de Sabariz deixaron de ser cumpridos hai xa bastante tempo. No século XX desapareceu o retablo que había na capela destinándose esta ao culto á Virxe de Fátima, iniciado curiosamente tralas aparicións en Leiría, xusto cando o comunismo se facía un oco no antigo imperio ruso. O culto de Fátima espallouse en Galiza a partir dunhas multitudinarias procesións nos anos cincuenta, aínda que xa non quedarían roxos. Nestas datas, a mediados do século XX, debeu chegar o culto mariano a Eiras.

Un dos descendentes de Bartolomé Vázquez foi Rosendo Vázquez de Sabariz, que casou en Osmo, segundo DE LA PEÑA VIDAL, con Isabel Vázquez o 11 de febreiro de 1626. 

Unha filla de Rosendo, chamada Isabel Vázquez de Toubes, casou o 12 de novembro de 1657 con Juan de Cárdenas. Aquí debe acabar a liña dos Toubes de Sabariz, continuando cos Cárdenas, que figuran aínda hoxe no brasón da porta do pazo representados polos lobos, nos cuarteis primeiro e terceiro, e polos "eses" na bordura. 

De RODRÍGUEZ PÉREZ procede a seguinte transcrición dun documento de 1670 da parroquia de Santa Uxía de Eiras:

"Fundación de la cassa de Savariz-Mas se allaran entre los papeles de la yglessia una escritura de mejora de tercio y quinto que hicieron Rossendo Vazquez de Savariz y Ysavel Vazquez de Toubes su mujer, con la obligación de una Missa semanaria todos los biernes del año que se a de decir en esta Yglessia y no en otras, y capilla de la Vissitación, y se otorga en el lugar de Savariz en veinte y tres de Dze de mil seiscientos y sessta. años ante ¿Xgo Tonales? e Soto escribano que ala razon era de Numero deste Juzgado de Roços (Roucos) y ahora lo es del Juzgado de Abion, y a mi costa saque la dha escriptura y por si se ¿legesdiere? y otra con ¿tigineiro? hxpongo por adbertencia en Santa Eugenia deyras a treynta de Mayo de 1692. Y la escriptura de partijas que hicieron los hijos de Rossdo Vazquez se otorgo por ante Alonsso Serrano el año de mil seisçientos y settenta y dos nolo saque por no parecerme tan neçesaria el dho Alonsso Serrano me escribió estaba en suo oficio que bibia en este tiempo en el lugar de Veiro de la dha parte del Avia, que por si en algun tiempo fuere neçesario lo pongo tanbien por adbertencia" . 

Bibliografía

RODRÍGUEZ PÉREZ JOSÉ RICARDO: "Pazos do San Amaro. Liñaxes e labras heráldicas" en Ágora do Orcellón, número 26, páx. 82. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Decembro de 2013.

AHDOU. Parroquia de Santa Uxía: 14.5.7. Libro de Visitas, Cartas Pastorales y Cuentas de Fábrica.

DE LA PEÑA VIDAL, CARLOS: "A liñaxe dos Toubes" en Estudios de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia. Boletín nº 3. Asociación de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia. Pontevedra, 2004.


Fotogalería da capela da Visitación


© F. González Iglesias. Xaneiro de 2020. Dereitos reservados