A espadana da igrexa de Eiras ten dúas campás, unha grande en unha máis pequena. A grande foi fabricada en 1899 pola familia dos Taboada, sendo abade don Fermín Fernández. A pequena fíxose en 1889 por Francisco Ruíz, segundo consta na inscrición da propia campá. Posúe un relevo cunha imaxe de Santa Bárbara, que ten unha palma na man dereita e unha torre á súa esquerda. Arrodea a campá a inscrición "Vox clamantis in deserto", entre outras.
A campá pequena ten unha fenda dende hai bastantes anos. As fendas son irreparables, debendo, pra recuperar a sonoridade, fundir unha campá nova. Dende antigo, aprovéitase o bronce da campá rota ou "choca", perdéndose irremediablemente a información que conteñen nas súas inscricións.
As campás de Eiras tócanse manualmente. O sancristán no campanario toca a campá grande coa man esquerda e a pequena coa man dereita.
Os toques de campá tiñan un código que se conservou durante xeracións (o toque da unha ou do mediodía, as carreiras para anunciar a morte dun veciño ou veciña -tres para as mulleres, dúas para os homes- os toques de defuntos mentras non se enterraba o cadáver e nos cabodanos, as muiñeiras festivas das vésperas e das procesións...). Todo iso perdeuse en menos de trinta anos.
As carreiras avisaban da morte dalgún feligrés ou feligresa. Consistían en toques seguidos: un na pequena, outro na grande, dous na pequena, un na grande... e así uns vinte ou trinta segundos. Iso era unha carreira, segundo se ve no seguinte debuxo. Cada debuxo de campá corresponde a unha badalada:
Coa chegada do cadaleito á igrexa volvíanse dar as carreiras, e, coa saída cara o camposanto, outra vez máis.
Sen dúbida, os toques de campás máis ledos eran nas festividades. Na véspera, á unha da tarde, dábase a hora (dicíanlle "as doce") con nove triples badaladas da campá grande. Á seguir, despois dunhas breves badaladas rápidas coa campá pequena, repenicábase a xeito de "muiñeira", con toques frouxiños pero rápidos, coa secuencia que se mostra no seguinte debuxo, correspondendo a cada campá unha soa badalada:
Despois de botar o fogo, voltábase a repenicar. Esa tarde xa era festa!
Os repeniques repetíanse antes das funcións relixiosas, no día da festa, e nas procesións, pero tamén nos días que duraba a "novena", antes da festividade.